Tuesday 07 de May de 2024

O novo orzamento municipal xa está operativo


Ascende a 10.970.000 euros, sendo a maior cifra da historia do Concello.

O Concello comezou hoxe a operar cos novos orzamentos xerais municipais do exercicio económico 2024 unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación definitiva dos mesmos xunto ao cadro de persoal.

As contas foran aprobadas con carácter inicial polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o pasado día 29 de decembro. Durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións.

Os presupostos do novo exercicio económico están equilibrados en gastos e ingresos e son os máis altos da historia do Concello ao ascender a 10.970.00 euros. O orzamento é o fiel reflexo das liñas prioritarias para o goberno local: a protección social, a ampla cobertura en servizos que están a disposición da cidadanía, a promoción do emprego, a organización propia de actividades e eventos, o apoio ao sector comercial e o esforzo investidor.

Precisamente a este último apartado destinaranse 1,3 millóns de euros (máis do 12 % do total), estando consignadas as partidas orzamentarias para o financiamento de proxectos que mellorarán as infraestruturas e os equipamentos municipais. Parte destacada centrarase en accións dirixidas á sustentabilidade e a optimizar a xestión dos residuos coa instalación de placas fotovoltaicas para o autoconsumo eléctrico de edificios municipais, a ampliación do punto limpo e a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo.

Tamén hai dotación no presuposto para o Plan de conservación da rede viaria municipal e para a compra dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais.
Ademais, no capítulo 7 (transferencias de capital) inclúense os máis de 108.000 euros da achega municipal para as obras de construción do novo depósito de auga e a mellora da estación potabilizadora de Gabenlle.

Outros investimentos que se realizarán en 2024 son a rehabilitación integral da Casa do Concello -actualmente en fase de licitación a redacción do proxecto e a dirección de obra-, a reforma da casa reitoral de Montemaior e a mellora dun tramo do paseo marítimo de Caión -esta última, xa adxudicada-.